FESTA DE FIN DE CURSO 2014-2015
09 Martes Jun 2015
Posted Sin categoría
in09 Martes Jun 2015
Posted Sin categoría
in26 Martes May 2015
Posted Sin categoría
in–>
A Federación de Anpas das comarcas do Condado e a Paradanta, FANPO, vén de convocar a toda a Comunidade Educativa a unha concentración de rexeitamento da Revalida de Terceiro. A concentración o mércores 27 de maio ás 20:00 horas diante da Casa do Concello.
Os vindeiros 27 e 28 de maio terán lugar as probas de avaliación de 3º de educación primaria, dous días de exame, explica a FANPO, “nos que só se avaliarán as competencias lingüística e matemática, nos que as probas veñen impostas (non se confeccionan no centro educativo) e o tipo de exame non é o habitual para o alumnado”.
FANPO amósase totalmente a reválida porque, aseguran, “consideramos que é unha proba innecesaria que ademais de supor un estrés para os nenos e nenas de 8 anos, non vai aportar ningunha información útil”. Amais, engade a Federación de Asociacións de Nais e Pais, esta reválida ·só vai avaliar as competencias lingüística e matemática a través de probas estandarizadas tipo test iguais para todos e todas, sen ter en conta as adaptacións que precisa o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”.
Consideran que unha proba como esta é unha falta de respecto aos mestres e mestras e ao seu traballo diario “no que están cos nosos fillos e coas nosas fillas e realizan unha avaliación continua a través da cal recaban información individualizada de cada neno e nena”. Considera a FANPO, amais, que a reválida é unha proba “segregadora” xa que so seu entender, fai diferenzas entre o alumnado inmigrante, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e o resto do alumnado, “xa que o resultado do alumnado inmigrante e do alumnado NEAE non computará no resultado global”.
Finalmente consideran as nais e pais que esta proba “supón un gasto innecesario de diñeiro e de papel, presuposto que se podería investir en dotación de recursos para os centros”.
Como xeito de protesta, a FANPO anima ás familias a que non leven ao colexio aos nenos e ás nenas de 3º de educación primaria os días nos que se celebra a proba.
26 Martes May 2015
Posted Sin categoría
in26 Martes May 2015
Posted Sin categoría
inPreme aquí para rexeitar a reválida de terceiro
A Confederación ANPAS GALEGAS oponse á realización da Reválida de 3º de Primaria (27 e 28 de maio) e apoia calquera decisión das familias que exprese o seu rexeitamento a esta proba, mesmo a de non enviar aos seus fillos e fillas ao colexio nos días nos que se programe.
O pasado 30 de abril o Diario Oficial de Galicia publicou a Resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na nosa Comunidade Autónoma. Esta avaliación realizarase os próximos 27 e 28 de maio e afectará a todos os centros docentes galegos que impartan terceiro de primaria. E isto é, nin máis nin menos, a PRIMEIRA REVÁLIDA DA LOMCE. Durante a xestación da LOMCE, en todos aqueles meses e anos dende a presentación do primeiro anteproxecto ata que foi lei publicada, as ANPA rexeitámola dende o primeiro momento, e mantivemos a seguridade de que esa lei é lesiva para a educación dos nosos fillos e fillas, para a sociedade, e para todos os actores do ensino público, tanto o profesorado, como as familias e por suposto o propio alumnado.
A LOMCE unha Lei clasista no senso máis difundido do concepto, pretende limitar o acceso á educación a aquel grupo de persoas que poidan chegar a cumprir uns obxectivos avaliables, pero non garante que eses obxectivos teñan que ser logrados en aplicación dun sistema educativo equitativo, non asegura que cada alumno vaia ter ao seu dispor os medios que permitan contemplar a súa individualidade, e iso entréganos de cheo nas mans do único elemento nivelador que este lexislador que agora temos comprende: o diñeiro. Chegarán a cumprir os estándares aqueles que poidan pagar os complementos que os seus fillos e fillas poidan precisar e que a administración educativa non lles facilite nun exercicio de discriminación permanente.
Pero a LOMCE tamén é unha Lei simplista; cando o mundo enteiro está a falar dunha modificación completa do sistema educativo, onde traballemos sobre competencias e non sobre contidos, onde cada unha das nosas nenas e nenos teña un achegamento persoal á realidade do ensino e reciba unha formación que sexa súa, que estea preparada para eles en concreto, que valore o que o neno é, e non o futuro suxeito no mercado laboral que poida ser; mentres o mundo vai por ese camiño, nós temos unha lei que retrocede moitas décadas para deseñar un ensino que só contempla a repetición de contidos, e que potencia o esforzo memorístico e a realización de probas absurdas e extemporáneas nas que un día da vida dos nosos fillos e fillas vai condicionar o seu futuro.
E, falando moi en concreto de reválidas, a LOMCE ten outra característica lamentable: é unha Lei que prescinde do valor do profesorado, da avaliación continua, do coñecemento individualizado que calquera mestre ou mestra ten sobre o seu alumnado; e prescinde da realidade e tamén da necesidade; porque ese coñecemento existe e ademais é imprescindible que exista, un neno ten que ser tratado, valorado, e motivado dun xeito propio, e iso só se consegue se ten mestres que o coñezan e o apoien.
Véndesenos que esta reválida dará uns resultados que poderán servir para a mellora do sistema, tanto na aplicación directa para cada un dos alumnos e alumnas, como para a mellora global en función dos resultados medios obtidos. É mentira, as reválidas, calquera reválida, en calquera momento do calendario educativo, só supoñen a visión descontextualizada do que o alumnado é quen de facer un día calquera, sen valorar cómo chegou até alí, en que estado se encontra ese concreto día, cales son as súas circunstancias persoais e a súa capacidade para se enfrontar a un momento de tensión, non se considera cal é o grupo co que está a traballar, e obviase o coñecemento de detalle que o profesorado ten desa persoa e da súa realidade. Precisamente ese coñecemento de detalle é o grande valor do noso sistema educativo, os profesorado coñece aos nenos e nenas cos que traballa, agora con máis dificultade logo da saturación das aulas resultado dos recortes de medios e de persoal dos últimos anos, e ese coñecemento é o que debe ser o xermolo das políticas de mellora.
Quer a administración facer unha valoración do sistema? Pois pregúntesenos aos membros da comunidade educativa; pregúnteselle ao profesorado, ás familias, á propia administración, e tamén e sobre todo ao alumnado; interróguese lealmente a cada un de nós e compóñase o resultante para facer unha diagnose certa das carencias do sistema, das súas posibilidades de mellora, nun proceso que será longo e amplo pero que servirá para abandonar o camiño que nos está levando ao fracaso, en primeiro lugar o daqueles que abandonan, máis tamén dos que permanecen e non reciben o ensino que precisan.
Ata aquí quizais quen lea poderá pensar que todo está xa dito con anterioridade, pero agora temos unha nova realidade e hai que se enfrontar a ela, e ter unha clara postura fronte ao que vai ocorrer. Os nosos nenos e nenas de oito anos van ter un exame a finais deste mes e nós opoñémonos a el, con toda claridade, porque:
Por todo o que xa se dixo, a Confederación ANPAS GALEGAS rexeita totalmente a realización destas probas, especialmente neste curso onde a implantación da LOMCE e dos currículos que se pretenden avaliar foi caótica, atrasada, e sen a formación precisa do profesorado. Pero tamén nos cursos vindeiros porque:
– Non vai aportar ningún dato fiable para a mellora da educación na nosa sociedade, porque elimina a transcendental importancia que ten a diagnose personaliza feita polo profesorado.
– Non conta coa aprobación e colaboración das familias.
– Non contempla nin dá importancia á inclusión da diversidade, senón que a aparta do sistema.
– Porque vai dar como resultado a aparición de listaxes clasificatorias de nenos e nenas, centros escolares e profesorado.
Apoiamos tamén calquera decisión individual das familias de non enviar aos seus fillos e fillas ao colexio nos días nos que se realicen as devanditas probas; aínda que entendemos que as necesidades de conciliación da vida laboral e familiar impedirán o efectivo exercicio desta medida de rexeitamento por parte das familias
10 Martes Feb 2015
Posted Sin categoría
in