A FANPO, a través da Comisión NEAE, organizou o pasado 9 de decembro unha Charla dirixida as familias con alumnado de Necesidades Específicas de Apoio Educativo de orixen neurolóxico, na Sala de Conferencias do Auditorio “Reveriano Soutullo” de Ponteareas, á que tamén estaban convidadas as direccións dos Centros Escolares, Equipos de Orientación e o persoal sanitario pediátrico dos Centros de Saúde da Comarca.

O ponente deste acto foi o Dr. Óscar Blanco Barca, Especialista en Neuroloxía Pediátrica do Hospital Xeral de Vigo, investigador e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela. Que de maneira desinteresada informounos sobre os casos máis comúns que son atendidos na Unidade pediátrica da que forma parte. Unha vez feita a exposición abriuse un turno de intervencións, e as persoas asistentes tiveron a oportunidade de consultar dúbidas, solicitar información puntual dos seus casos e compartir experiencias persoais.

Estamos felices de poder dicir que a charla foi considerada todo un éxito, xa que a parte de asistir máis de 150 persoas foi vivida intensamente polos que alí estabamos, dado a necesidade de información que tiñamos a maioría das familias. Moitos pais e nais quedaron de pé ou sentadas nas escaleiras, pero ningún deles pensou en marchar… E cando chegou o final, antes de sair se achegaban ao Dr. Blanco para mostrarlle o interesante que lles parecera a súa exposición ou ben falaban con alguén da organización para preguntar qué tema trataría a seguinte charla.

A este acto asistiu o Coordinador do Centro de Saúde de Ponteareas, que valorou positivamente a xornada e comprometeuse a incorporar un test neurolóxico ao protocolo de revisións periódicas dos máis cativos na consulta de pediatría. Dende a Federación consideramos este avance como un paso importante no senso de conseguir que as familias accedan o máis axiña posible á consulta do especialista cando se aprecian sospeitas de problemas neurolóxicos.

Ponteareas, 11 de decembro de 2014.

 A XUNTA DIRECTIVA DA FANPO.

Comisión NEAE

Anuncios