A FANPO convoca unha concentración en contra da reválida

Destacado A FANPO convoca unha concentración en contra da reválida

A Federación de Anpas das comarcas do Condado e a Paradanta, FANPO, vén de convocar a toda a Comunidade Educativa a unha concentración de rexeitamento da Revalida de Terceiro. A concentración o mércores 27 de maio ás 20:00 horas diante da Casa do Concello.

Os vindeiros 27 e 28 de maio terán lugar as probas de avaliación de 3º de educación primaria, dous días de exame, explica a FANPO, “nos que só se avaliarán as competencias lingüística e matemática, nos que as probas veñen impostas (non se confeccionan no centro educativo) e o tipo de exame non é o habitual para o alumnado”.

FANPO amósase totalmente a reválida porque, aseguran, “consideramos que é unha proba innecesaria que ademais de supor un estrés para os nenos e nenas de 8 anos, non vai aportar ningunha información útil”. Amais, engade a Federación de Asociacións de Nais e Pais, esta reválida ·só vai avaliar as competencias lingüística e matemática a través de probas estandarizadas tipo test iguais para todos e todas, sen ter en conta as adaptacións que precisa o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”.

Consideran que unha proba como esta é unha falta de respecto aos mestres e mestras e ao seu traballo diario “no que están cos nosos fillos e coas nosas fillas e realizan unha avaliación continua a través da cal recaban información individualizada de cada neno e nena”. Considera a FANPO, amais, que a reválida é unha proba “segregadora” xa que so seu entender, fai diferenzas entre o alumnado inmigrante, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e o resto do alumnado, “xa que o resultado do alumnado inmigrante e do alumnado NEAE non computará no resultado global”.

Finalmente consideran as nais e pais que esta proba “supón un gasto innecesario de diñeiro e de papel, presuposto que se podería investir en dotación de recursos para os centros”.

Como xeito de protesta, a FANPO anima ás familias a que non leven ao colexio aos nenos e ás nenas de 3º de educación primaria os días nos que se celebra a proba.

Anuncios