NOTA DA REUNION MANTIDA EN SANTIAGO COA SUBDIRETORA XERAL DE FORMACION PROFESIONAL

A FANPO, informa,

Que o pasado día 17 de decembro, mantivemos unha reunión coa Subdirectora Xeral de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e O.U. en Santiago.

Nesta entrevista pedíuselle que se revisen os datos de alumnado existente na Comarca do Condado-Paradanta, os informes feitos pola Concellería de Ensino de Ponteareas sobre as enquisas realizadas nos centros de Ponteareas e algún máis da Comarca (que non obraban no seu poder), así como os distintos pedimentos realizados dende o Consello Escolar Municipal, a fin de priorizar nas necesidades educativas da nosa zona e comenzar a implantar novos estudos que melloren a situación do noso alumnado, así como desmasificar o bacharelato dos IES de Ponteareas.

Neste intre estase a producir esta situación como consecuencia das necesidades existentes:
Oferta escasa de Ciclos Formativos tanto de Grao Medio coma Superior.
Masificación dos alumnos nas aulas de Bacharelato nos Institutos de Ponteareas.
Alumnado de 4º ESO titulado na convocatoria extraordinaria que se atopa sen praza en Ciclos.
Alumnado que desexa cursar Bacharelato de Artes e que ten que desprazarse a Vigo (se é que atopa praza) ou matricularse nas Comúns se cumpre os requisitos de matrícula no conservatorio.
Alumnado do novo IES de Ponteareas que volta a mudar de instituto para facer o Bacharelato.

Os representantes da FANPO nesta reunión expuseron os amplos argumentos e lle comunicaron a necesidade e urxencia da implantación de máis grupos de bacharelato, así como de novos CF de grao medio e superior, conclusión alcanzada á vista das enquisas realizadas polos Centros en colaboración co Concello de Ponteareas. Tamén son insuficientes as prazas creadas en Educación Secundaria de Adultos (sobre todo nos M3 e M4), e necesario sería tamén implantar o Bacharelato de Adultos.

Alcanzouse o compromiso por parte da Subdirectora Xeral de FP do estudo minucioso da situación educativa na Comarca do Condado-Paradanta, tendo en conta todo o falado, así como as circunstancias específicas de transporte regular con outras vilas e cidades próximas, a fin de valorar a posibilidade de nun futuro próximo incorporar algún novo Ciclo en Ponteareas.

Con respecto á petición de novos grupos de Bacharelato e Educación Secundaria de Adultos e a implantación de Bacharelato de Adultos, a Subdirectora tomou nota das necesidades e trasmitirá a solicitude ao cargo político que xestione estes ensinos.

A Federación insistiu durante toda a reunión en que a Consellería de Cultura, Educación e O.U., debe comenzar a traballar contando coa Comunidade Educativa, en defensa dos dereitos do alumnado, dos profesionais do ensino e sobre todo na defensa da calidade do ensino público para os nosos fillos e fillas.

Ponteareas, 18 de decembro de 2014.
A XUNTA DIRECTIVA DA FANPO.

resumen da charla da comision neae

A FANPO, a través da Comisión NEAE, organizou o pasado 9 de decembro unha Charla dirixida as familias con alumnado de Necesidades Específicas de Apoio Educativo de orixen neurolóxico, na Sala de Conferencias do Auditorio “Reveriano Soutullo” de Ponteareas, á que tamén estaban convidadas as direccións dos Centros Escolares, Equipos de Orientación e o persoal sanitario pediátrico dos Centros de Saúde da Comarca.

O ponente deste acto foi o Dr. Óscar Blanco Barca, Especialista en Neuroloxía Pediátrica do Hospital Xeral de Vigo, investigador e profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela. Que de maneira desinteresada informounos sobre os casos máis comúns que son atendidos na Unidade pediátrica da que forma parte. Unha vez feita a exposición abriuse un turno de intervencións, e as persoas asistentes tiveron a oportunidade de consultar dúbidas, solicitar información puntual dos seus casos e compartir experiencias persoais.

Estamos felices de poder dicir que a charla foi considerada todo un éxito, xa que a parte de asistir máis de 150 persoas foi vivida intensamente polos que alí estabamos, dado a necesidade de información que tiñamos a maioría das familias. Moitos pais e nais quedaron de pé ou sentadas nas escaleiras, pero ningún deles pensou en marchar… E cando chegou o final, antes de sair se achegaban ao Dr. Blanco para mostrarlle o interesante que lles parecera a súa exposición ou ben falaban con alguén da organización para preguntar qué tema trataría a seguinte charla.

A este acto asistiu o Coordinador do Centro de Saúde de Ponteareas, que valorou positivamente a xornada e comprometeuse a incorporar un test neurolóxico ao protocolo de revisións periódicas dos máis cativos na consulta de pediatría. Dende a Federación consideramos este avance como un paso importante no senso de conseguir que as familias accedan o máis axiña posible á consulta do especialista cando se aprecian sospeitas de problemas neurolóxicos.

Ponteareas, 11 de decembro de 2014.

 A XUNTA DIRECTIVA DA FANPO.

Comisión NEAE

Éxito das primeiras Xornadas de Teatro da FANPO

Etiquetas

, , ,

XornadasTeatroInformamos sobre o éxito acadado nas primeiras Xornadas de Teatro organizadas pola Federación para todo o alumnado dos Centros de Ensino Públicos das Comarcas Condado-Paradanta e Louriña.

Estas xornadas se fixeron durante os días 2, 3, 4 e remataron hoxe, 10 de abril, con representacións diferenciadas para o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria do seguinte xeito:

  • 2 e 3 de Abril: Compañía Atrezo: “Contos pendurados do arco da vella” para alumnado de primaria.
  • 4 de Abril: Caramuxo Teatro: “Historia dunha semente” para alumnado de Infantil.
  • 10 de Abril: Teatro Esmorga: “Que empece a función” para alumnado de secundaria.

Facendo varias representacións cada un dos días, se achegaron ata o Auditorio “Reveriano Soutullo” de Ponteareas máis de 2.500 alumno/as. Desexamos que en vindeiros cursos se repita ou incremente este número.