Hoxe se celebra un ano máis o día da conciliación sen ter a seguridade de se hai moito que celebrar ou non. Pois facendo un exercizo de mentalidade positiva temos que tentar pensar que si. Temos que celebrar que cada día se asume máis a necesidade de ter acceso á conciliación familiar-laboral, temos que celebrar que teñamos ese dereito recoñecido e temos que celebrar que cada día se fale máis delo. Pero sobre todo, o que temos que facer é seguir loitando por que ese dereito se recoñeza e sexa efectivo, normalice e estenda ao común das empresas como dereito laboral que é.

Non por isto temos que deixar de ter presente que temos a responsabilidade individual de asumir que esa defensa da conciliación non se circunscribe unicamente a reclamar o dereito se non a compartir todo o que a conciliación implica de xeito igualitario. As mulleres non teñen que ser sempre as obrigadas a asumir ese papel de actores principais na conciliación, as que reclamen, pelexen e asuman as consecuencias de todo elo tanto laboralmente coma familiarmente.

E logo de todo isto e aínda que esta é unha batalla permanente coa patronal, as institucións públicas teñen que exercer un papel moito máis activo e esixente nesta causa e dar exemplo en canta oportunidade lles sexa posible como as ofertas laborais de organismos directamente dependentes das administracións estatais, autonómicas provinciais e locais. As condicións de acceso a contratos por exemplo fora de oposición poderían fomentar máis quendas de horarios reducidos ou outros formatos que posibilitasen un acceso ao emprego partindo desa realidade que é a necesidade de ter horarios que sexan facilitadores desa conciliación.

Buscar solucións doutra índole como é tentar cubrir esa necesidade a través dos centros de ensino non é xusto primeiro que todo para o alumnado que ven como se ven obrigados a pasar máis horas nos centros por que non se dan atopado modelos de conciliación que realmente o que posibiliten é que as familias poidan ter o papel coeducador que é tan necesario. Non é froito da casualidade a perda de valores nas novas xeracións pois segundo van medrando van perdendo máis tempo de contacto e relación familiar e se van convertendo máis en convivintes que en membros da súa familia. Ese tempo e lazos perdidos levan á rapazada a buscar substituílos en relacións externas e ás veces baixo o descoñecemento absoluto das súas familias que posibilitan malas experiencias para uns e outros (nais, pais, fillas e fillos).

O tempo compartido en familia é imprescindible para unha boa crianza e ter case a obriga de buscarlles ocupacións e actividades para mantelos ocupados parte do tempo que o mundo laboral nos impide ese acompañamento non é o camiño.

De todos nós depende reflexionar sobre isto e sobre o modelo de familia cara ao que queremos avanzar e que iso pasa por unha defensa activa e consciente da conciliación onde toca que é no eido laboral e tamén ser esixente coas administracións sobre o papel que deben cumprir. Tamén deben xogar un papel importante os sindicatos na defensa e control do cumprimento dese dereito e para tod@s e en tódolos sectores laborais. Os equipos directivos e docentes tamén son traballadores e teñen familias e necesidades como para ter que asumir a maiores da educación d@s nos@s fill@s ser facilitadores da nosa conciliación por riba dos seus dereitos. E de tentar cubrir esas necesidades con persoal extra, sería de agradecer que empregasen eses esforzos económicos e de persoal en dotar de máis persoal docente, especialistas para garantir unha educación de calidade e acorde ás necesidades diversas que cada día afloran máis nas aulas.